20060803

Concentración en Ferrol contra a agresión sionista aos povos da Palestina e o Líbano

Hoxe, dia 2 de Agosto, nos locais do Ateneo Ferrolán, quedou constituida a Plataforma Galega contra a Agresión Sionista no Líbano e Palestina da comarca de Trasancos, numha Asemblea Aberta.

Nesta reunión tomouse o acordo de convocar para o Venres, día 4 de Agosto, unha mobilización, ao mesmo tempo que van a ter lugar outras tantas, en diferentes lugares da Galiza, ese mesmo día.

A mobilización de Ferrol vai consistir nunha concentración ás 20:30 hs, diante do Edificio Administrativo comarcal da Xunta de Galicia, ese venres, 4 de Agosto.

A continuación transcrebemos o comunicado que se consensuou na reunión, que é o mesmo para toda Galiza.

CONTRA O XENOCIDIO EN LÍBANO E PALESTINA

As últimas accións israelís representan un paso máis na súa estratexia de limpeza étnica e expansión territorial que viola todas as normas do dereito internacional e as disposicións dos Acordos de Xenebra. Hoxe, Israel agride brutalmente O Líbano, asasina civís, destrúe infraestruturas e provoca novos éxodos de refuxiados baixo o espurio pretexto de autodefensa, coa complicidade dos EEUU e ante a covarde e vergoñenta política de apazugamento da Unión Europea, a que parece ter asumido a idea racista de que os tres soldados capturados – non secuestrados, xa que estaban en Gaza e no Sur do Líbano formando parte do exército de ocupación- valen máis que a vida de centos de milleiros de árabes, lexítimos e lexítimas habitantes dos territorios atacados. Inacción cómplice dos corruptos e antidemocráticos réximes árabes.

Máis de 650 mortos en vinte días de ataques ao Líbano, unhas 700.000 persoas desprazadas (un millón segundo a portavoz da ONU, Marie Heuzé), destrución sistemática das infraestruturas e barrios residenciais. Eliminación premeditada das testemuñas da carnizaría, bombardeando intencionadamente as tropas desarmadas da ONU, as ambulancias da Cruz Vermella e os transportes de civís e axuda humanitaria. Vinganza na poboación civil libanesa refuxiada en Qana, na súa maioría nenas e nenos, da derrota sufrida polo exército sionista en Beit Jbel a mans da Resistencia Libanesa. Arredor de 10.000 persoas palestinas en prisión política en cárceres israelís entre as que se contan 350 menores de dez anos (a maioría secuestrados dos seus fogares polo exército de ocupación en “operacións preventivas”). Preto de cinco millóns de persoas refuxiadas. Construción dun muro de separación en Cisxordania declarado ilegal polo Tribunal Internacional da Haia en 2004 e anexión de Xerusalén Leste. Apropiación de terras e recursos hídricos e creación de illas incomunicadas que fan imposible o desenvolvemento social e económico de Palestina e a construción dun estado nacional. Morte, fame e epidemias en Gaza, convertida no meirande campo de concentración da historia: 1.400.000 habitantes sen alimentos, luz, auga potable e medicinas, baixo bombardeos diarios e sen permiso de saída. Xenocidio, desposesión e impunidade.

Ante a extrema gravidade da situación queremos expresar a nosa enérxica condena e denunciar o exterminio sistemático do pobo palestino por Israel e a brutal ofensiva contra o Líbano, onde están a utilizar bombas de racimo, de fósforo branco, ambas prohibidas pola IV Convención de Xenebra, e outras armas químicas ata o momento non identificadas.

Condenamos e denunciamos tamén o silencio culpable de Occidente ante o masacre dunha poboación indefensa por un dos exércitos máis poderosos do mundo, a complicidade dos EEUU e a ambigüidade da Unión Europea. A Comunidade Internacional segue a presionar as vítimas da brutal carnizaría israelí, ás que debería apoiar por xustiza legal e moral e por decencia. Con cinismo e desvergoña reclaman o desarmamento da milicia libanesa Hesbulá en aplicación da orde 1.559 da ONU, mentres calan e omiten o sistemático incumprimento por parte de Israel de todas e cada unha das resolucións de Nacións Unidas relacionadas co conflito.

Os feitos proban sobradamente que Israel é o verdadeiro inimigo para a paz, a vida e a seguridade das fronteiras en Oriente Medio. As máis elementais normas de humanidade e xustiza universais reclaman que a solidariedade vaia cara ás vítimas e non cara aos verdugos. En consecuencia, varios grupos políticos, sindicais e sociais, ademais de persoas a título individual, de Galicia decidimos crear unha Plataforma Galega Contra a Agresión Sionista no Líbano e Palestina e esiximos dos poderes públicos:

  • Que a UE e o Goberno español emitan unha firme condena contra a agresión sionista e abandonen o cínico costume de igualar as vítimas palestinas e libanesas cos seus asasinos israelís.
  • A suspensión inmediata do Acordo de Asociación entre a UE e Israel.
  • A inmediata suspensión do comercio español con Israel, especialmente no referente aos programas de armamento que o Ministerio de Defensa español está desenvolvendo coas empresas israelís (mísiles anticarro Spike da casa Rafael, etc.).
  • A ruptura ou suspensión das relacións diplomáticas co criminal Estado sionista cando menos mentres persista a agresión no Líbano, Gaza e Cisxordania.
  • O pronunciamento de todas as institucións da nosa terra dende os concellos, pasando polas deputacións e chegando ata a Xunta de Galicia en contra da dita agresión.

Solicitamos a todo o pobo galego:

  • Que acuda ás mobilizacións da Xornada Nacional Contra a Agresión Sionista no Líbano e Palestina que a nosa Plataforma convoca para o vindeiro venres, día 4 de agosto do 2006, ás 20’30 horas en:

      • A Coruña: Concentración no Obelisco.
      • Lugo: Concentración na Praza de Armañá.
      • Ponteareas: Concentración fronte ao Concello.
      • Pontevedra: Manifestación que parte da Praza da Ferrería.
      • Santiago de Compostela: Concentración na Praza de Cervantes.
      • Vigo: Concentración diante do MARCO.
      • Ferrol: Concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta

  • Que se incorpore ás coordinadoras locais da Plataforma e apoien as mobilizacións e campañas en cada zona.

  • Que presione os representantes públicos para que, obedecendo a maioritaria vontade popular, tomen medidas eficaces para deter o xenocidio dos pobos palestino e libanés.

  • Que non compre ningún produto de procedencia israelí ou de compañías israelís. Boicot aos produtos de Israel.

¡ACABEMOS COA IMPUNIDADE!

¡FREEMOS O XENOCIDIO!

¡DETEÑAMOS A ISRAEL!

¡QUEN COMPRA OS SEUS PRODUTOS, PAGA AS SÚAS BOMBAS!

Galiza, 2 de Agosto de 2006

Plataforma Galega Contra a Agresión Sionista no Líbano e Palestina



<< Voltar ao Blog da Plataforma Ártabra 21

Nenhum comentário: