20080906

Escrito á Dirección Xeral de Urbanismo para denunciar urbanización ilegal na Frouxeira no concello de Valdoviño

Á DIRECCIÓN XERAL DE URBANISMO.
CONSELLARÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES



D. Carlos Outeiro Baamonde, con DI 32.646.306-Z, Tlf – 690 30 72 45 e enderezo, a efectos de notificación, en:

Montefaro nº D 60 - Concello de Valdoviño - (A Coruña) c.p. 15550

Correo electrónico: couteiro@hotmail.com

actuando en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e tamén, en nome propio, perante á Dirección Xeral de Urbanismo

DENUNCIA

Que, no concello de Valdoviño, nunha parcela que pertence integramente ao LIC Costa Ártabra da Rede Natura 2000, ubicada ao final da punta dereita da praia da Frouxeira, lindando con un castro do que aínda son perfectamente identificábeis os seus muros perimetrais, estanse a realizar obras de urbanización e/ou edificación.

Que, a licencia para o proxecto de urbanización (U.A. 2 na Saiña – Valdoviño), ten un prazo de execución das obras por un periodo de 1 ano, como estabelece no seu apartado 5 o informe favorábel asinado polo arquitecto municipal o 01/08/2003. Xa que logo, cómpre tramitar novamente a documentación urbanística como é o Estudo de Detalle, o cal se podería facer através da presentación dun Plano Especial, a aprobar pola Xunta, en cumprimento da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do meio rural de Galiza, se a parcela estivese catalogada como urbana consolidada, cuestión esta que non cumpre por ser urbana non consolidada.

Que, no informe favorábel asinado polo arquitecto municipal o 01/08/2003, óbviase a necesidade de autorización da Consellaría de M.A así como a necesidade de Consulta previa á Comisión Europea das obras nesta parcela pola existencia de Hábitats Prioritarios contemplados na Directiva 92/43/CEE, relativa á protección dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres, e no Real Decreto 1997/1995 (BOE de 28/12/1995) polo que se traslada a Directiva anterior ao ordenamento xurídico do Estado Español.

Que, a mesma clasificación da parcela como urbana é contraria á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do meio rural de Galiza, xa que no seu artigo 12 estabelece a necesidade de integración na malla urbana para esta clasificación.

Que, continuan na actualidade unhas enormes gabias na parcela (denunciadas por Adega xa en agosto do 2006) que non se poden corresponder co permiso dado desde o concello para obras de urbanización e que corresponde, ao noso entender, con obras de edificación que non foron autorizadas e que non se poden adaptar á legalidade. Non se pode admitir que se pretendan facer pasar por un suposto posterior estudo arqueolóxico de dimensións desproporcionadas (até 84 m).

Que, en cumprimento da citada Lei 9/2002 cómpre que entre a documentación relacionada con estas obras figure Informe Xurídico.

SOLICITA

1 - Paralización cautelar das obras en execución.

CONTESTACIÓN POR ESCRITO A:

2 - Considera a Consellaría necesaria a modificación/anulación das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia da Coruña por clasificaren esta parcela como urbana. Solicitamos a súa modificación/anulación.

3 - Considera a Consellaría necesaria a modificación/anulación da documentación obrante nos expedientes referidos a esta actuación. Solicitamos a súa modificación/anulación.

4 - Considera a Consellaría necesaria a Consulta Previa á Comisión Europea?. Se lle consta a súa existencia: número de rexistro do documento e expediente no que figura.

5 – Cónstalle á Consellaría a existencia da totalidade dos Informes Xurídicos necesarios?. Se lle constan: número de rexistros dos documentos e expedientes nos que figuran.


En Valdoviño, a 05 de setembro do 2008
Asdo: Carlos Outeiro Baamonde
Vice-Secretario ADEGA-Trasancos
___
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Travesa de Basquiños 9 baixo 15704
Santiago de Compostela
Correo electrónico: adega@adega.info
Páxina electrónica: www.adega.info
Tfnos: 981.570099 /619 808662
_____________

Nenhum comentário: