“Rutas turísticas - Ferrol en Feminino. Mulleres na historia da cidade”
O proxecto Ferrol en Feminino nace desde a Concellería da Muller do Concello de Ferrol. Trátase dun proxecto pioneiro que pretende facer visible o papel que tiveron as mulleres protagonistas da historia da cidade.
Esta aventura comezou en outubro de 2008 co proxecto “Rutas turísticas - Ferrol en Feminino. Mulleres na historia da cidade”, realizado polo equipo coordinado por Rosa Millán García, técnica da Casa da Muller, e formado por Noemí Rodríguez Hernández, Carmen J. González Pita, Maribel Pérez Ardao e Carmen Pérez González. O traballo foi publicado en setembro do ano 2009.
Con el preténdese rescatar a vida de tantas e tantas mulleres nos espazos en que estas estiveron presentes e así, ao percorrer as rúas ferrolás, redescubrir as súas vivencias e os seus logros desde unha nova perspectiva. Verémolas realizando traballos supostamente masculinos, como cargadoras ou bombeiras, e outros maioritariamente femininos e indispensables, como augadoras ou lavandeiras, pero tamén as veremos fundando escolas e asilos, ou traballando como científicas, escritoras, etcétera.
Continuando coa pescuda das nosas raíces, xorde “Ferrol en Feminino II - Primeiros pasos na educación das mulleres no Ferrol dos séculos XVIII-XX”, novamente coordinado por Rosa Millán García, e realizado por Jessica Rodríguez García, Alicia Seoane Orro e Carmen Pérez González entre setembro de 2009 e febreiro de 2010. Concíbese coma un complemento do anterior e trata de asomarse á evolución da educación feminina en Ferrol e mais ás súas protagonistas, as mestras. A de mestra é precisamente a primeira profesión recoñecida á muller, unha profesión que necesita unha preparación intelectual e que propiciará o cambio nos costumes, na mentalidade e na vida das mulleres e, xa que logo, da sociedade dunha maneira imparable.
Este traballo verá axiña a luz publicado polo Concello de Ferrol.
CALDERETA DO ANO 2010
Rosa Millán García, coordinadora
Carmen Pérez González, historiadora
Noemí Rodríguez Hernández, técnica de turismo
Maribel Pérez Ardao, educadora social
Carmen González Pita, administrativa
Rúa do Sol, 224-230, 1º B.
15401 Ferrol
CIF:-G-70027909
___________________________
Nenhum comentário:
Postar um comentário