20091217

Manifesto en solidariedade con Aminetu Haidar

GALICIA CON AMINETU HAIDAR: POLA SÚA LOITA A FAVOR DA DIGNIDADE E Á VOLTA DUNHA SAHARAUI AO SÁHARA OCCIDENTAL COA SÚA XENTE E O SEU POBO

Decembro de 2009

Compañeiras e compañeiros, amigos e amigas solidarios coa causa saharaui:

Son xa máis de trinta días en folga de fame, trinta días de incertidume, de debilidade física, de dolores e molestias incesantes, por falta de nutrintes, dun alimento que non chegan a compensar nin as visitas de ánimo nin as constantes adhesións que se reciben de todalas partes do mundo. E tamen dende unha Galicia que sabe ser solidaria coa dor e as inxustizas que se cometen contra os máis desposeídos.

Despoxada da súa documentación, nunha situación na que noite e día se confunden, na espera dunha solución que aplace o martirio de Aminetu Haidar, o seu corpo míngoa mentras a súa fortaleza de ánimo se reforza con impulsos que chegan dende non se sabe donde, que crece co alento de todo un mundo de esperanzas pero, sobor de todo, co desexo de representar a dignificación de todo un pobo escarnecido, o seu pobo, o pobo saharaui.

Froito dunha loita de trinta e nove anos que escomenzou coa reclamación a unha España, convertida pola Historia en potencia colonial, dun futuro independente e libre, que se fixo forte coa sangue derramada en vinte anos de enfrentamentos cunha España cativa nos seus propósitos, con Mauritania e cun Marrocos imperialista e abusivo. 

E que se encheu de paciencia e de coraxe para seguir reclamando pola vía pacífica unha solución que permitise que o

pobo saharaui se fixese dono dos seus intereses e do seu destino a través dun referéndum de autodeterminación por outros dazanove anos.

Unha longa secuencia que levou á morte de moitos non combatentes, que supuxo unha ruptura e separación para moitas familias, que impuxo sacrificios e dificultades inmensas para mulleres e homes, nenas e nenos, ancianos e vellas, enfermos e sáns,  para toda a sociedade, que levou a unha parte dese pobo ao desterro nos campos de refugiados de Tinduf e a outra parte a un destino en precario, baixo o control dun Marrocos conquistador, cheo de humillacións, de prendementos, de torturas, de arbitrariedades e de medo.

Esas son as forzas e as vontades que, diante da admiración do mundo enteiro, agroman no mingoado corpo de Aminetu Haidar e a engrandecen e lle transmiten vontade máis alá das súas propias feblezas. As mesmas que a fixeron escomenzar a sua protesta pacífica aos vinteún anos, o que a levou a unha desaparición forzosa de catro anos nas cadeas secretas de Hassán II. Idénticas que as que lle fixeron retomar a súa loita despois da súa liberación. Ás que  a levaron a asumir un papel cada día máis activo e relevante que lle supuxo toda unha serie de recoñecementos internacionais. As que o Reino de Marrocos quixo afogar alonxándoa da súa terra e da súa xente.

É possível que seu navegador não suporte a exibição desta imagem. “Prefiro as cadeas de Marrocos que a libertade lonxe da miña familia e das miñas xentes”. Por telo tan claro constitúe hoxe un exemplo de dimensións internacionais, universais, que proxecta a lexitimidade da súa loita, que é a lexitimidade da loita dun pobo pequeno numéricamente pero grande pola súa confianza e a súa vontade de futuro, cara a un porvir no que a libertade do pobo saharaui se encontre realizada nun mundo de pobos e de homes e mulleres libres.

Pidamos para ela, para todos eles a volta sen demora a unha patria súa de seu, ao seo da súa familia, do seu pobo, con todalas garantías e recoñecementos. O seu único delito é o de defender un dereito recoñecido polas Nacións Unidas á descolonización do Sáhara Occidental e o de arriscar a súa vida en defensa dos dereitos humáns a nivel individual e colectivo.

Si Aminetu sofre ou morre toda a Humanidade sofrirá e morrerá con ela. Co seu fondo e radical compromiso nos amosa o camiño para poder pensar con esperanza que UN OUTRO MUNDO MÁIS XUSTO É AINDA POSIBEL.

GALICIA CON AMINETU

GOBERNO ESCOITA AO TEU POBO

A FAVOR DA XUSTIZA E DA DIGNIDADE

AMINETU HAIDAR SOMOS TODOS NÓS

No nome da Delegación Saharaui en Galicia e da Asociación  Solidariedade  Galega co Pobo Saharaui. ¡Gracias a todos!.
_________________________________________

Nenhum comentário: