20080416

Protocolo de Colaboración e, dentro do marco dos principios de coordinación, colaboración e ... entre Vicepresidencia da Xunta e o Concello de Ferrol

PROTOCOLO DE COLABORACIÓN ENTRE A VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR E O CONCELLO DE FERROL PARA A PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR A TRAVÉS DE FÓRMULAS DE COLABORACIÓN ESTABLE

En Ferrol, a 15 de abril de 2008.

REUNIDOS

Dunha parte, Don Anxo Manuel Quintana González, Vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, nomeado por Decreto 213/2005, do 3 de agosto, publicado no Diario Oficial da Galicia (DOG) nº 149, de 4 de agosto –corrección de erros do 5 de agosto-, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

Doutra parte, Don Vicente Luis Irisarri Castro, na súa condición de Alcalde do Excmo. Concello de Ferrol, en uso das facultades que lle confire o artigo 124 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e demais normativa concordante en materia de réxime local,

As partes comparecentes recoñécense competencia e capacidade legal para formalizar o presente Protocolo de Colaboración e, dentro do marco dos principios de coordinación, colaboración e respecto mutuos que deben informar todas as relacións interadministrativas,


EXPOÑEN


PRIMEIRO.-

Que o Estatuto de Autonomía de Galicia encomenda aos poderes públicos galegos a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, amais de remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude, facilitando a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Que a Comunidade Autónoma galega ostenta competencias, con carácter exclusivo, tal e como se desprende do contido do artigo 27 do seu Estatuto de Autonomía, en materia de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario.

Que, con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais (DOG, nº 76, do 23 de abril), co obxecto de ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia, e que atribúe á Administración Autonómica, entre outras, as competencias de planificación e programación xeral dos servizos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma, a ordenación e coordinación do sistema de servizos sociais, a homologación, rexistro e control de centros e servizos e o estudo das necesidades e problemáticas suscitadas no eido dos servizos sociais.


SEGUNDO.-

Que o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle ao citado Departamento da Administración autonómica, entre outras competencias e funcións, o deseño, coordinación, avaliación e, se é o caso, a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de Benestar, incluíndo as políticas de xuventude, inclusión social, atención aos discapacitados e persoas maiores, ademais de para o deseño, coordinación, avaliación e xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e calidade de vida persoal e familiar.

Igualmente, o citado Decreto atribúelle competencias para a xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control de programas, servizos e centros relativos á conciliación da vida laboral e persoal e á protección da infancia.


TERCEIRO.-

Que os entes locais, de conformidade co previsto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e demais normativa de aplicación en materia de réxime local, ostentan competencias para a prestación de servizos sociais e promoción e reinserción sociais, ademais de para a execución de programas destinados á infancia, xuventude, muller e terceira idade.

Que os concellos se configuran como as institucións máis próximas aos cidadáns e, en consecuencia, están en situación de avaliar en mellores condicións o grao de diversidade da demanda de atención social, artellar a oferta e optimizar os recursos, polo que se considera necesario o establecemento de liñas de colaboración de carácter estable entre a Xunta de Galicia e os entes locais galegos co obxecto de coordinar as actividades de planificación para a mellora e ampliación da oferta actual en materia de servizos de igualdade e benestar.


CUARTO.-

Que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron, en data 24 de abril de 2006, un Protocolo de colaboración para a xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención á xestión integral das escolas infantís, no que se contemplaba, entre outras posibles iniciativas, a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como medio idóneo de desenvolvemento da cooperación interadministrativa en materia de servizos de igualdade e benestar, dando así cumprimento ao compromiso recollido no Acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias polo que se establece o contido e desenvolvemento do Pacto Local que rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia.


QUINTO.-

Que con data 3 de xullo de 2006 asinouse o Convenio de Colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e diversos concellos galegos, para a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, quedando este formalmente constituído en sesión de data 10 de xullo de 2006.

Que de conformidade cos seus Estatutos, publicados no Diario Oficial de Galicia, nº 131, de data 7 de xullo de 2006, o Consorcio ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria cando así o solicite o concello interesado), con atención especial á xestión integral das escolas infantís, no ámbito territorial dos entes consorciados.

Que o Consorcio nace así, de acordo ás súas finalidades e competencias, co obxecto de implantar un modelo homoxéneo de prestación de servizos sociais:

* Garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recurso suficiente e equilibrada territorialmente;

* Incremento dos niveis de cobertura, intensidade e horario de atención dos distintos servizos e prestacións;

* Distribución efectiva dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación, asignando equitativamente o uso e acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu entorno propio.

Que coa creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar arbítrase unha fórmula innovadora de xestión no eido das políticas de provisión de servizos de igualdade e benestar, orientada á consecución dunha maior flexibilización no acceso e uso dos recursos, así como á mellora dos dispositivos de coordinación, coa finalidade última de garantir, en calquera caso, a prestación dun servizo de calidade e con niveis suficientes de cobertura poboacional e territorial.


SEXTO.-

Que as parte asinantes coinciden na conveniencia e necesidade de xuntar esforzos e impulsar, dende o ámbito das súas respectivas competencias, e mediante os instrumentos legais oportunos, iniciativas, programas, proxectos e accións conxuntos dirixidos a mellorar as condicións de vida e sociais das persoas que presentan especiais necesidades de protección social en Galicia, coa finalidade última de garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade.

De conformidade co exposto, as partes, en virtude da representación con que interveñen, acordan a subscrición do presente Protocolo de Colaboración, de acordo ás seguintes


CLÁUSULAS


PRIMEIRA.-

Por medio do presente Protocolo, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar manifesta a súa vontade de mellorar o financiamento dos servizos sociais municipais que desenvolven programas e prestan axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos, dentro do medio máis próximo ao usuario e ao seu contorno, dos programas básicos de actuación que se levan a cabo desde o primeiro nivel de atención, así como da atención a sectores de poboación con problemáticas diferenciadas.

En consecuencia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar manifesta a súa intención de artellar os instrumentos e mecanismos necesarios para incrementar o financiamento que recibe o Concello de Ferrol para a prestación dos devanditos servizos sociais, especialmente no que se refire ao servizo de axuda a domicilio.

Proba do anterior é que, xa o pasado ano 2007, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar incrementou o financiamento recibido polo Concello de Ferrol no ano 2005 nunha contía de 164.614,71 euros. Dita contía veu a supoñer un incremento do 113,12% do financiamento recibido, desglosándose nos seguintes conceptos:

- Axuda no fogar.............................................200.000 euros.

- Xestión de programas..................................110.136,14 euros.

Por todo o exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pon de manifesto a súa vontade de que o referido incremento se consolide nos vindeiros anos.


SEGUNDA.-

O Concello de Ferrol manifesta a súa vontade de integrarse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, de conformidade co procedemento establecido ao efecto nos Estatutos do Consorcio, publicados no Diario Oficial de Galicia, nº 131, da data 7 de xullo de 2006, como Anexo ao Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e diversos concellos galegos para a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

En virtude do anterior, o Concello de Ferrol expresa a súa intención de adoptar o acordo de integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na primeira sesión ordinaria do Pleno que teña lugar tras a sinatura do presente Protocolo de Colaboración.


TERCEIRA.-

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar manifesta a súa vontade de incrementar o número de prazas residenciais públicas coa fin de acadar progresivamente os índices de cobertura recomendados no Plan Xerontolóxico Nacional e paliar, en consecuencia, o déficit de prazas existente.


CUARTA.-

As partes asinantes manifestan a súa vontade de colaboración na creación e xestión dos programas e actividades seguintes nos vindeiros anos:

  1. Programa de construción, mantemento e xestión de dúas Escolas infantís e dunha ludoteca.
  2. Programa de construción e xestión de vivendas dotacionais en réxime de alugueiro para xóvenes e maiores.
  3. Programa de construción, mantemento e xestión dunha Residencia para persoas maiores, de carácter referencial.
  4. Programa de construción, mantemento e xestión de dous Centros de Día.
  5. Programa de xestión da casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero.
  6. Programa de construción, mantemento e xestión dun centro de asesoramento afectivo-sexual “Quérote”.
  7. Programa de construción, mantemento e xestión dun centro de inclusión e emerxencia social.
Para a consecución destes obxectivos, o Concello de Ferrol manifesta a súa vontade de facilitar a dispoñibilidade dos terreos e/ou equipamentos necesarios para a ubicación dos centros de nova creación, arbitrando as partes asinantes, nos instrumentos de desenvolvemento do presente Protocolo, os mecanismos de colaboración necesarios para a súa construción e posterior mantemento. Non obstante o anterior, as partes asinantes manifestan a súa intención de encomendar a construción e a xestión das escolas infantís e dos centros de día ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, sen prexuízo da posible incorporación do resto de equipamentos previstos no parágrafo precedente, de conformidade cos requisitos e procedemento que, de ser o caso, se establezan.


QUINTA.-

Serán causas de resolución do presente Protocolo de Colaboración, o mutuo acordo das partes e o incumprimento das cláusulas contidas nel.


SEXTA.-

Para o seguimento e coordinación das accións previstas no presente Protocolo, créase unha Comisión Mixta e paritaria na que estarán representadas cada unha das partes afectadas polo mesmo. Esta Comisión, que se reunirá por petición de calquera das partes, será o mecanismo de actuación conxunta para garantir a efectividade do Protocolo.


SÉTIMA.-

O presente Protocolo ten carácter administrativo, quedando excluído da aplicación do Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, ao abeiro do disposto no artigo 3.1.c) do Real Decreto Lexislativo 2/2000, de 16 de xuño; debendo aplicarse, non obstante, os principios do devandito texto legal para a resolución das dúbidas ou lagoas que puideran presentarse.


OITAVA.-

Os conflitos que se susciten en desenvolvemento do presente Protocolo serán coñecidos, en primeira instancia, pola Comisión de Seguimento do Protocolo e, en caso de non chegar a un acordo, as partes someterán as cuestións litixiosas ao coñecemento dos tribunais do orde xurisdicional contencioso-administrativo.


NOVENA.-

O presente Protocolo de Colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e terá unha vixencia de catro anos, podendo prorrogarse a súa duración por períodos anuais, salvo denuncia expresa de calquera das partes. Dita denuncia deberá formalizarse por escrito cunha antelación mínima de tres meses á data en que se desexe deixar sen efectos o Protocolo e, sen prexuízo das actuacións que, nese momento, estean iniciadas, as cales deberán ser rematadas en todo caso de acordo ao estipulado na data da denuncia.

Baixo os termos referenciados e en proba de conformidade, asinan ambas partes o presente Protocolo de Colaboración, no lugar e data indicados no encabezamento.

O VICEPRESIDENTE DA IGUALDADE E DO BENESTAR DE FERROL
Anxo Manuel Quintana González

O ALCALDE DO CONCELLO
Vicente Luis Irisarri Castro
________________

Nenhum comentário: