20080225

Escrito ao Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

SR.CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

As entidades Fusquenlla, ADEGA -Trasancos, Sociedade Galega de Historia Natural-Ferrol e Verdegaia notifican que a principios de xaneiro, ENDESA anunciou o comezo do transvase para mediados dese mesmo mes. As presentes entidades solicitaron nesa data á Consellería de Medio Ambiente unha moratoria para o transvase, debido á seca deste outono, que motivara unha baixada de caudal considerable con respecto a outros anos. A moratoria levouse adiante, e a día de hoxe ENDESA non puido comezar o transvase do Eume, o que non foiu óbice para que, en contra das prescripcións do Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto do Enchido do oco da mina de As Pontes, o recheo do oco comezase co Enchido Pasivo a base das augas procedentes da chuvia e máis dos regos que rodean o oco da mina.

O Enchido Pasivo foi desestimado no seu momento pola propia empresa, por considerar que esta opción ocasionaba graves prexuízos para o conxunto das zonas afectadas, incluídas as augas do río Eume, que terían que soportar a afluencia das augas contaminadas do futuro lago, unha vez enchido este, e por rebouse, considerándose que sería maior a afección que no suposto dun enchido forzado a base do transvase do Eume.

Así, na páxina 341 do Estudo de Impacto Ambiental sinálase o seguinte:

“Para la alternativa del llenado pasivo se han obtenido valores de calidad negativos en el 47,69% de los indicadores ambientales analizados, lo que supone una afección negativa en casi la mitad de los parámetros estudiados.(…) La calidad ambiental alcanzada estaría por debajo de los niveles de restauración que requiere el hueco de mina…”

Na páxina 343 indícase:

“En la evaluación ambiental obtenida para la alternativa del llenado pasivo… todos los indicadores ambientales analizados sufrirían impactos ambientales negativos, directos, acumulativos y/o sinérgicos, a corto plazo, permanentes, irreversibles, continuos y críticos, porque supondrían el desarrollo de un proyecto aleatorio sin ningún tipo de control ni habría posibilidad de aplicar las medidas correctoras adecuadas para lograr un mínimo de calidad ambiental exigido.”

Atopámonos, pois, cun empeoramento da situación, xa que se opta agora polo peor dos escenarios e, visto o que se dixo enriba, cun considerable incremento dos riscos que este proxecto conleva. ENDESA non é descoñecedora dos cambios climatolóxicos actuais, que, de repetirse en anos posteriores, impedirían o Enchido Forzado a base dun transvase. Así e todo, non desiste do seu empeño a pesar das nefastas repercusións que tería. Pouco importa que isto afecte ao Parque Natural das Fragas do Eume, a mellor representación de bosque atlántico europeo, nin o perigo de contaminación de acuíferos, nin os cambios atmosféricos que afectarían á poboación de As Pontes, con repercusións inluso sobre a saúde das persoas. Agora si, queda claro que o seu único obxectivo é acadar a máxima rendibilidade na empresa.

No proxecto optouse polo escenario de enchido número tres, descartando os outros tres, por producir graves afeccións ao medio. Polo tanto, e non sendo seguro, debido aos cambios climatolóxicos, que se poida facer o transvase nas condicións expresadas no proxecto, e respectando o caudal ecolóxico, este ano non se podería comezar o enchido. Iniciar co Enchido Pasivo é unha temeridade que as administracións, atendendo ás súas obrigas de vixilancia e coidado do medio ambiente, non deben permitir. Na nosa opinión, estase incurrindo nunha infracción medioambiental grave ao non levar adiante a opción escollida. A autorización deuse en base a esa elección.

Por estas razóns, as entidades citadas novamente denuncian este asunto ante a Consellería de Medio Ambiente e con notificación á Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, solicitando que cese o enchido e se realice o inmediato desaloxo, por medio de bombeo, das augas acumuladas no fondo da mina. Malia que isto supón unha contaminación suplementaria á xa existente para o río Eume, aínda non tería un carácter irreversivel, cousa que si ocurriría unha vez que o volume de auga fixese imposivel o bombeo.

Nenhum comentário: