O camiño do pobo
VOTO EN BRANCO MANOEL SANTOS 24.02.2008
Malia que aínda é cedo para avaliar que efectos pode ter a Rede Galiza Non Se Vende -RGNSV- na sociedade e na política galegas, pois é un movemento recente e non dabondo instaurado no maxín popular, a exitosa manifestación do domingo 17 pode marcar un antes e un despois, quer no papel e influencia dos movementos sociais independentes, quer no xeito de exercer presión sobre a política, que esquece moi a miúdo de onde vén. Hai uns tres apuntamentos que, sempre coas reservas que supón a noviza rede, fan pensar que estamos nun momento histórico. En primeiro lugar, parece que a RGNSV deu no albo na súa demanda central e isto entrou en sintonía con boa parte da poboación, pois o movemento medra exponencialmente. A defensa do territorio é cada vez menos demanda e máis necesidade para as galegas e os galegos. Porén, "terra viva e vida digna para tod@s" non é unha reivindicación exclusivamente verde, como as que agromaron no mundo logo de maio do 68, senón que a rede a enmarca no sistema economicista global que pon o interese duns poucos por diante dos da maioría. É pois, por riba de todo, unha loita antiglobalización.
En segundo lugar está o xeito de traballar, a rede en si. Decenas de colectivos, sen apoio político, nin mediático, nin económico -todo o contrario-, aprenderon a conectarse e confluír nunha loita común ben significativa. A miúda pero xeneralizada cobertura dos medios de comunicación á mobilización do 17 é un éxito do traballo en rede e non unha consecuencia da responsabilidade deses medios, cuxa tendencia é sempre a de ocultar a realidade social e enxalzar a virtualidade política. Non quedou máis remedio que contalo, pois había moita xente. A RGNSV nace na conxuntura planetaria da formación de redes horizontais de acción e presión como resposta á ofensiva do capital sobre a política e o agachar de orellas desta última.
E en terceiro lugar está a independencia do movemento. Se cadra é a primeira vez na historia de Galiza que tantas persoas saen á rúa sen ningún pai político detrás. Foi a manifestación da emancipación popular respecto do poder político. A Quintana encheuse como calquera Día da Patria -e sen escenario-, cantou o himno e berrou ese "Galiza ceibe, poder popular" que, desta vez, foi máis popular ca nunca. Velaí un novo camiño para o pobo, un camiño necesario.
_______________
Nenhum comentário:
Postar um comentário